17/01/2019
A paixón pola historia e as antigüidades levou a Fernando Gallego (Serra de Outes) a crear a colección Antiques, gañadora do concurso MadridJoya Designers 2019. Está composta por creacións que incorporan antigüidades xenuinas (moedas antigas, amuletos ou frechas), certificadas por anticuarios de prestixio a nivel nacional e internacional. Son xoias únicas que permiten ós seus posuídores lucir un anaquiño de historia.
Fernando Gallego comezou a súa andadura en 2001 en Serra de Outes, xunto con Paula Iglesia. Dende entón foron crecendo pouco a pouco e hoxe en día as súas pezas chegan ós amantes das xoias de todo o mundo.
A colección Antiques conta co selo Galicia Calidade pero non é a única, xa que as coleccións Apilables, Alianzas e Inspiración do outiense Fernando Gallego tamén están respaldadas por esta marca como aval de calidade.
Podemos ver lucir xoias da colección Antiques a personalidades como a actriz Cristina Castaño ou a escritora Espido Freire, quenes souberon apreciar o seu gran valor.
O xurado composto por membros da asociación Xoias de Autor, premiou dous exquisitos traballos con grande dose de personalidade e agora os gañadores terán a oportunidade de expoñer as súas pezas de forma gratuíta nun stand compartido de MadridJoya na vindeira celebración do Salón que terá lugar do 7 ó 10 de febreiro.
Alegrámonos moito de que o traballo, esforzo e profesionalidade de Fernando Gallego teñan a súa merecida recompensa. Os nosos parabéns!