Preto dun centenar de xoieiros e estudantes asistiron ó II Congreso da Xoiaría Galega. O comercio de xoiaría ten futuro

 

O salón de actos do MUPEGA (Santiago de Compostela) acolleu o pasado sábado 6 de abril o II Congreso da Xoiaría Galega, organizado polo Colexio Oficial de Xoiaría e a Federación Galega de Xoieiros coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O Congreso contou coa participación de preto dun centenar de congresistas e un panel de relatores e presentacións calificado de “alto nivel” polos asistentes, que se manifestaron moi satisfeitos coas conclusións extraídas de cada conferencia.

Trala inauguración da xornada a cargo de Sol María Vázquez Abeal, Directora Xeral de Comercio, e a benvida de Óscar Rodríguez Blanco, Presidente do COXGA e da Federación Galega de Xoieiros, arrancou o primeiro bloque do Congreso coas intervencións de Javier Rocamora García, consultor especialista en marketing online e comercio electrónico, Dª Carmen Herrarte Cajal, directora de T-ZIR, centro de innovación aplicada en retail e Víctor Magariño Peñalba, director do programa de transformación dixital de ESADE. Os tres puxeron de releve a repercusión das novas tecnoloxías no sector comercio e a importancia da dixitalización pero insistiron na necesidade dunha boa imaxe  dixital,  deixando claro que “se non se vai a ter unha imaxe dixital boa é mellor non tela” e tamén destacaron a importancia da “diferenciación” do produto en internet, o que, sinalaron, non resulta complicado para un sector que conta cun número considerable de fabricantes e artesáns.

Sen deixar de subscribir o anterior, Víctor Magariño desmontou algún mito dixital, como por exemplo que no comercio polo miúdo o importante é o e-commerce, cando realmente en España supón unicamente o 5% do total do comercio. E concluíu a súa intervención cunha visión disruptiva sobre fidelización e experiencia de compra no comercio polo miúdo, poñendo de manifesto que realmente o éxito do retail depende a inversión en persoas xa que a prioridade do cliente non é ser fidelizado senón a eficacia, conveniencia e empregados amigables e coñecedores do produto.

José Copa Pereiro, xerente da empresa de seguridade Protese, foi o encargado de abrir o segundo bloque da xornada cun relatorio no que recordou cales son as medidas de seguridade física obrigatorias para xoiarías e tamén aquelas medidas que serán obrigatorias a corto prazo. Foi especialmente interesante o contido do relatorio de Luis Hidalgo Gutiérrez, do Instituto Nacional de Ciberseguridade, centrada en sensibilizar e concienciar ós presentes sobre a importancia da seguridade no uso das novas tecnoloxías.

Conscientes de que o motor do comercio son as vendas, no bloque tres, José Manuel Laya Vía, Director Banca de Negocios ABANCA, Miguel Ángel Bermúdez Rivera, Xerente de Medios de Pago de ABANCA e Juan José González Serrano, Xerente de Intelixencia de Clientes e CRM de Abanca, abordaron o tema relativo ós medios de pago como un mecanismo para incrementar o número de ventas do comercio, facilitando a compra ó cliente. No mesmo senso, os representantes de ABANCA, presentaron “Alavuelta”, un servizo dixital de big data, venda online e marketing para comercios, que pretende apoiar ós comercios no proceso de xeración de negocio.

O broche final a este Congreso púxoo a intervención de Sol María Vázquez Abeal, Directora Xeral de Comercio, quen antes de clausurar o acto, expuxo as liñas de axuda ó comercio físico e electrónico que ten previstas convocar a Xunta a corto prazo e fixo referencia ás vantaxes que proporcionan as dúas marcas de referencia en Galicia, Artesanía de Galicia e Galicia Calidade.

 

← volver

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Calendario de eventos:

  • Curso Online de Gemología básica
  • FOGA
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Laverde Ruiz, Nº 6, Entresuelo, Santiago de Compostela, 15702, A Coruña    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com