24/01/2020
O Colexio Oficial de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia e a Federación de Asociacións de Xoieiros de Galicia, ante as noticias aparecidas estes días en diversos medios, en relación coas actividades da empresa TOUS, e ante a lóxica preocupación dos consumidores e dos profesionais do sector quere deixar constancia de:
1.- Que nin a empresa Tous, nin a certificadora Applus (xestora dun Laboratorio en Cataluña) son membros das asociacións que integran a Federación Galega de Xoieiros, nin os seus profesionais constan como membros do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, descoñecendo esta Federación e o Colexio o contido das súas prácticas comerciais.
2.- Todos os produtos de xoiaría elaborados con metais preciosos fabricados en Galicia e comercializados nas tendas asociadas á Federación Galega cumpren coas obrigacións legais de análises e contrastes.
3.- A técnica de electroformig é unha técnica residual e pouco utilizada en España para a fabricación de pezas de xoiaría, e, en todo caso, non é utilizada por ningún dos fabricantes galegos integrados no Colexio e Federación. No caso de que as pezas así fabricadas non se baleiren interiormente, unha vez finalizado o proceso de fabricación, haberán de comercializarse como metal chapado en platino, en ouro ou en prata e expoñerse ao público de forma separada das que foron elaboradas só con metais preciosos e están oportunamente contrastadas.
4.- Recomendamos e lembramos aos consumidores de xoiaría:
- Que acudan sempre a establecementos integrados na Federación e que entre o seu persoal conte con profesionais colexiados, pois iso comporta unha garantía de boas prácticas na súa actuación comercial
- Que comproben que as pezas de xoiaría que adquiren dispoñen tanto do punzón de orixe como do punzón de garantía
- Que esixan coa súa compra a oportuna factura onde conste a descrición da peza adquirida, o seu fabricante, os metais preciosos utilizados na súa elaboración e a súa lei.
- Que todas as pezas de xoiaría deberán de estar contrastadas e ser garantidas como mínimo por dous anos contra calquera defecto de fabricación, agás aquelas que dispoñen do selo de “Galicia Calidade” que cando menos garantiranse por tres anos.
5.- Tanto o Colexio como a Federación, entenden que a transparencia e a información rigorosa ao consumidor son esenciais no comercio e están ao dispor de calquera consumidor para informarlle sobre os aspectos técnicos ou sobre os seus dereitos á hora adquirir obxectos fabricados con platino, ouro ou prata.
Santiago de Compostela, a 24 de xaneiro de 2.020.