Imaxe da nova.

Corindóns tratados por recheo de vidro

 

Corindóns tratados por recheo de vidro

 

Texto e imaxes: Juan Cristóbal Fernández Casas

 

Xemólogo colexiado nº G0062

 

Para leer el artículo en castellano, pinchar aquí.


Aínda que é un tratamento xa coñecido desde 1997, a aparición de varios exemplares á venda  en datas recentes motiva este artigo.  A intención de calquera tratamento de recheo con sustancias vítreas é o recheo de fracturas, superficiais ou que chegan ao seu interior, con sustancias cun índice de refracción similar á xema e así enmascaralas e mellorar o seu aspecto e transparencia. Son moi coñecidas, por exemplo, as usadas nos diamantes. Nos corindóns os primeiros intentos eran detectados con facilidade polo uso de vidros cun I.R. máis baixo que o hospedador, co resultado dunha fácil identificación con luz reflectida, pois a diferenza de brillo coa xema era moi evidente. Actualmente o vidro usado adoita ser de chumbo, cun I.R. próximo ao corindón, que se introduce nas fisuras fundíndoo a entre 300-600 graos de temperatura e mediante baleiro, co que conseguen que penetre nas fisuras e encher defectos externos que mediante repulido das facetas logra un bo acabado. Outros vidros poden ser usados, como o que contén bismuto ou un con cobalto na súa composición que é empregado para tratar zafiros.


As características máis importantes para identificalos son varias. Con luz reflectida as fisuras que chegan ao exterior vense cun aspecto distinto en relevo ou cor ao da xema. No interior os recheos adoitan ter burbullas, ás veces visibles co seu típico aspecto redondeado ou en forma de pequenas manchas ou plaquiñas escuras. Moitas das fracturas mostran o chamado efecto flash, que consiste en reflexos azulados que seguen a dirección do recheo ou que adoptan ás veces o aspecto de pequenas veas de cor azul. O vidro é ademais opaco aos raios X. As xemas tratadas con vidro de cobalto son avermelladas ao filtro de Chelsea. É posible que corindóns tratados con vidro o sexan ademais por outros sistemas, como a difusión para mellorar a súa cor.


É importante identificar este tipo de tratamento pola súa inestabilidade. Os traballos no taller, tanto en operacións que leven a seu engaste, calor, ácidos ou limpeza por ultrasonidos ou vapor poden alterar o aspecto do recheo e consecuentemente o da xema. Aínda que está aceptado, como calquera tratamento debe ser informado o cliente antes da súa venda. En moitos casos o peso do vidro é importante en relación ao peso total da pedra preciosa, e por outra banda o seu prezo é moi inferior a outras xemas tratadas por outros medios ou que non teñan tratamento algún.

 

← volver

Calendario de eventos:

« Novembro 2017 »
L M Me X V S D
  12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930
  • Curso Online de Gemología básica
  • FOGA
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Ramón Cabanillas, 5-7, 2º B - 15701 Santiago de Compostela    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com