A información ó consumidor na compravenda de xoias

O Colexio Oficial de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia e a Federación de Asociacións de Xoieiros de Galicia, ante as noticias aparecidas estes días en diversos medios, en relación coas actividades da empresa TOUS, e ante a lóxica preocupación dos consumidores e dos profesionais do sector quere deixar constancia de:

1.- Que nin a empresa Tous, nin a certificadora Applus (xestora dun Laboratorio en Cataluña) son membros das asociacións que integran a Federación Galega de Xoieiros, nin os seus profesionais constan como membros do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, descoñecendo esta Federación e o Colexio o contido das súas prácticas comerciais.

 2.- Todos os produtos de xoiaría elaborados con metais preciosos fabricados en Galicia e comercializados nas tendas asociadas á Federación Galega cumpren coas obrigacións legais de análises e contrastes.

3.- A técnica de electroformig é unha técnica residual e pouco utilizada en España para a fabricación de pezas de xoiaría, e, en todo caso, non é utilizada por ningún dos fabricantes galegos integrados no Colexio e Federación. No caso de que as pezas así fabricadas non se baleiren interiormente, unha vez finalizado o proceso de fabricación, haberán de comercializarse como metal chapado en platino, en ouro ou en prata e expoñerse ao público de forma separada das que foron elaboradas só con metais preciosos e están oportunamente contrastadas.

4.- Recomendamos e lembramos aos consumidores de xoiaría:

 -  Que acudan sempre a establecementos integrados na Federación e que entre o seu persoal conte con profesionais colexiados, pois iso comporta unha garantía de boas prácticas na súa actuación comercial

-  Que comproben que as pezas de xoiaría que adquiren dispoñen tanto do punzón de orixe como do punzón de garantía

-  Que esixan coa súa compra a oportuna factura onde conste a descrición da peza adquirida, o seu fabricante, os metais preciosos utilizados na súa elaboración e a súa lei.

 -  Que todas as pezas de xoiaría deberán de estar contrastadas e ser garantidas como mínimo por dous anos contra calquera defecto de fabricación, agás aquelas que dispoñen do selo de “Galicia Calidade” que cando menos garantiranse por tres anos.

 5.- Tanto o Colexio como a Federación, entenden que a transparencia e a información rigorosa ao consumidor son esenciais no comercio e están ao dispor de calquera consumidor para informarlle sobre os aspectos técnicos ou sobre os seus dereitos á hora adquirir obxectos fabricados con platino, ouro ou prata.

 

 Santiago de Compostela, a 24 de xaneiro de 2.020.

 

 

 

 

← volver

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Calendario de eventos:

  • Curso Online de Gemología básica
  • FOGA
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Laverde Ruiz, Nº 6, Entresuelo, Santiago de Compostela, 15702, A Coruña    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com