26/06/2021
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o director xeral de Comercio, Manuel Heredia, visitaron hoxe a xoiaría Isabel Suárez (Santiago de Compostela) para facerlle entrega do diploma de certificación de Galicia Calidade polas súas coleccións Coralia e Infinity.
A incorporación da xoiaría galega á marca Galicia Calidade é posible grazas a un convenio asinado entre o Coxga e a Consellería de Industria no ano 2011 co obxectivo de que as xoias que elaboran os profesionais galegos poidan ser respaldadas por esta marca como aval de calidade, e, aproveitar así, o impulso dunha marca coñecida, consolidada e de prestixio que traslada ós consumidores a percepción dun producto galego de calidade.
Isabel Suárez, é unha emerxente firma galega que elabora pezas únicas, con personalidade e identidade propias, empregando para iso os procesos máis tradicionais.
Con este recoñecemento, Isabel Suárez, pode empregar o certificado de uso da marca de Garantía Galicia Calidade para as coleccións Sea e Infinity. A primeira, inspirada nos océanos e no valor dos mesmos, componse de colgante e pendentes (denominados Coralia), realizados en ouro de 18 quilates e perla cultivada.
Quen se atopa detrás da marca? Isabel Suárez é unha muller valente, entusiasta e emprendedora que comezou a súa andadura no mundo da xoiaría no ano 1998 sen planealo, e, por circunstancias da vida, comezou, pouco a pouco, a compaxinar os estudos de Administración e Dirección de Empresas con horas e horas de aprendizaxe nun taller de xoiaría e reloxaría, onde se empapou e familiarizou co traballo de taller e descubríu o que dende entón se convertiría na súa paixón. En paralelo, iniciouse na atención ó publico na venda de xoiaría nun establecemento da capital galega, onde centrou a súa actividade durante anos conseguindo transmitir ós clientes o seu entusiasmo pola xoiaría.
A experiencia de taller e os anos de atención a clientes, entendendo as necesidades dos mesmos e empatizando con eles, déronlle o pulo necesario para lanzarse no ano 2017 cun proxecto que reflexa a súa esencia creativa, á vez que lle permite unir arte, vocación e negocio: o obradoiro de xoiaría Isabel Suárez.
Xoiarías certificadas:
Na actualidade, ademáis de Isabel Suárez, contan coa certificación Galicia Calidade as xoiarías Ardentia, Bourrellier Joyeros, Fernando Gallego, Fink Orfebres, Katuxa Platero, Orfega e Óscar Rodríguez Joyeros.