Xadeíta tinguida

 

Texto e imaxes: Juan Cristóbal Fernández Casas

 

Xemólogo colexiado nº G0062


Para leer el artículo en castellano, pinchar aquí.

 

É algo coñecido tanto polos aficionados ás xemas como polos xoieiros que a pedra chamada comercialmente Xade é, en realidade, un termo que engloba dúas especies diferentes de minerais: a Xadeíta e a Nefrita. Asociado case sempre á cultura china, da que hai exemplos de notable mestría e que o denomina coa palabra Chen Yu, é curioso sen embargo saber que a palabra Xade ven do español, que antigamente o denominaba como Pedra de ijada, pola súa suposta capacidade de curar enfermidades renais, quizais debido á forma de ril que a veces presenta o mineral na súa forma natural. Crenza, por outra parte, moi antiga, pois xa os romanos se referían a el como Lapis nephriticus, que nos recordará facilmente á nosa moderna Nefrita.

Usouse con moita frecuencia xa dende o Neolítico, tanto na elaboración de ferramentas, amuletos e incluso armas, ó que contribuíu non a súa dureza, que non sobresae especialmente, senón a súa tenacidade, debida ó crecemento entrelazado dos seus cristais o que lle outorga propiedades que a fan moi apta para usos como os anteriormente descritos, que continuaron utilizando ó longo de moitos séculos, non só en Oriente senón tamén en Centro e Sudamérica e Nova Zelanda, por poñer só uns exemplos. Aínda que existen moitas opinións que difiren lixeiramente, sóese aceptar 1780 como a data de entrada da Xadeíta en China, que ata ese ano utilizou exclusivamente a Nefrita para os seus traballos. Foi durante o período Qing, e en particular ó longo do reinado de Qian Long (1736 – 1796) cando o uso da Xadeíta acadou gran mestría e nos legou belísimos exemplos que aínda hoxe podemos admirar. O curioso é que a Xadeíta comezou a tallarse grazas á anexión e parte da antiga Birmania polos chinos, que incluíu o val do río Jing, coñecido polos xacementos ricos neste mineral pero pouco explotados pola enorme dificultade na súa extracción e transporte.

O exemplar que hoxe analizamos, vendido co nome incorrecto de Xade imperial, é un cabuxón pera de 15,20 ct., de cor branqueiño cunha mancha central verde. Peso específico e índice de refracción identifícannos o mineral como Xadeíta, pero a sospeitosa distribución da cor, seguindo dúas fisuras presentes na súa parte superior, así como o seu aspecto formando pequenas venas seguindo o contorno dos diminutos cristais que o forman fannos pensar na posibilidade de tratamentos de mellora de cor, o que corrobora sen ningunha dúbida a resposta ó filtro de Chelsea (avermellado, non como no material sen tratar) e o seu espectro, coa liña a 437nm. Típica dos piroxenos pero cunha absorción no vermello de aspecto turbio, moi diferente das claras liñas debidas ó cromo que esperaríamos ver nun material sen tratamento. Ese aspecto de banda borrosa é moi típico de materiais tinguidos.

Existen diferentes tratamentos para o Xade, tanto para eliminar cores non desexadas, como restos marróns ou avermellados de óxidos, mediante inmersións en ácidos, que deixan unha estrutura parecida a un panel de abellas; tincións (que a veces, como no noso ejemplo penetran nesas celdillas ou en fisuras dando un aspecto moi característico) e incluso impregnacións de polímeros ou outras sustancias para eliminar gretas nas que anteriormente introcuciron sustancias colorantes, e así facelas menos visibles. Comercialmente aplícanse varias denominacións a diferentes tipos de Xade segundo a presenza ou non de tratamentos e da naturaza destes: así, o A-Xade nomea a un material sen tratamento (admítese a cera), B-Xade, tratado para eliminar cores non desexadas e impregnado con polímeros, C-Xade, tinguido (entre os que se atoparía o noso exemplar), e B+C Xade, con cor artificial e tamén con polímeros para selar a xema. Moitas veces é inevitable realizar un estudo con técnicas avanzadas para identificar algún deles.

O nome comercial usado para a súa venda (incorrecto) e a falta de información do seu tratamento son, por desgraza algo habitual, e recórdanos que non só o turista incauto pode ser enganado nas súas viaxes. O Xade de cor verde intenso pode acadar prezos moi altos, e a súa compra debe ir acompañada de garantías por parte dun vendedor responsable.

Outro día falaremos de xemas que poden confundirse co Xade.

 

← volver

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Calendario de eventos:

  • Curso Online de Gemología básica
  • FOGA
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Laverde Ruiz, Nº 6, Entresuelo, Santiago de Compostela, 15702, A Coruña    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com