29/10/2014
No número 4 da nosa revisa Alento, Cristóbal Fernández Casas, o noso colexiado xemólogo da Coruña escribiunos un artigo moi interesante e práctico sobre as vantaxes do Certificado Xemolóxico. Reproducimos aquí o contido íntegro e convidámosvos a que lle botedes un vistazo a todos os outros artigos así de interesantes publicados en Alento, dispoñible "online" en issuu.com/coxga
As vantaxes do Certificado Xemolóxico
Un elemento moi importante, aínda que desafortunadamente hoxe pouco utilizado polos xoieiros, como complemento nas nosas vendas é o certificado das xemas ou xoias que ofrecemos nos comercios. Neste artigo intentarei explicar en que consiste e cales son as vantaxes que pode ofrecer, tanto aos profesionais como ao cliente que entra nas nosas tendas.
O primeiro que convén aclarar é que un certificado non é a habitual “tarxeta” de garantía que, con bo criterio, damos ao cliente xunto coa factura e na que se da conta das características da xoia que se vende. Un certificado debe en primeiro lugar ir asinado por un xemólogo ou avalado por un laboratorio xemolóxico contrastado, pois son estes profesionais os únicos con preparación e coñecementos suficientes para dar conta das calidades desas xemas ou xoias que as inclúan. Nel irán expostos todos os datos obtidos polo xemólogo despois de ter realizados os análises correspondentes. Un certificado analiza unhas determinadas xemas e desagrega as súas calidades, pero non da información sobre prezos (iso sería una tasación).
Este profesional tamén terá a honestidade de dicirnos se esa xema debe ser remitida a un laboratorio máis importante se ten calquera dúbida que el non puidese responder ou se precisase unha proba máis específica. Isto é cada vez máis importante pois todos os días temos noticias de novas sínteses de xemas, tratamentos, etc. Así, o documento validado por un profesional vólvese cada vez máis indispensable para poder ofrecer aos nosos clientes unha información máis exacta do que lles vendemos.
Existen diversos tipos de certificados no mercado e cada laboratorio ou xemólogo ofertan distintos modelos, cada un deles adaptándose ás nosas necesidades, desde o certificado xemolóxico no que se explican a natureza dunha xema determinada ou se desagregando as súas calidades, ata o informe xemolóxico de xoias, nos que se analizan as pedras preciosas montadas nunha alfaia, pasando polos pre-certificados, os ditames verbais, informes, etc. É importante recordar que cada xemólogo ou laboratorio poden seguir unhas regras distintas na forma de clasificar unha xema (que estará baseada nos criterios da escola na que estudou) e outorgarlle unha determinada calidade, pero tamén o é que lle ofrecerá toda a información sobre as equivalencias con outros sistemas de uso común.
Tanto para o vendedor como para o cliente as vantaxes dunha peza certificada son claras: unha terceira persoa, coa formación necesaria e sen relación nesa transacción avala unhas determinadas calidades por escrito. O xoieiro pode saber con máis exactitude o que vende e o comprador saber que paga a cantidade adecuada a unhas características. Pero aínda hai máis vantaxes que nos poden ofrecer os certificados, como ser necesarios para realizar un seguro das nosas xoias, como proba en caso de roubo, para unha posterior tasación, etc.
Non debemos, xa por último, ver o feito de certificar xemas ou xoias como un gasto, senón máis ben como unha inversión. O costo é insignificante en comparación co prezo final e as vantaxes que nos pode dar así como a seguridade e impresión de relación comercial honesta que lle reporta ao cliente final merecen a pena.
turquesa, hematita, crisocola e ollo de tigre (primeira fila)
cuarzo, turmalina, cornalina, pirita e suxilita (segunda fila)
malaquita, cuarzo rosado, obsidiana, rubí e ágata (terceira fila)
xaspe, amatista, ágata azul e lapislázuli (cuarta fila)
Primeiro manuscrito científico escrito nunha lingua romance,
o Lapidario é un tratado médico e máxico sobre as propiedades das pedras,
encargado polo rei Alfonso X O Sabio en 1250.
Cristóbal Fernández Casas
Xemólogo colexiado nº G0062
www.ferpejoyeros.es
A Coruña
Para contactar con algún profesional colexiado, consultar coa oficina de Coxga:
981 598 858 (de luns a venres, 9h-14h e 16h30-19h30) ou info@coxga.es