06/11/2014
O noso colexiado Francisco César Blanco Núñez, da Xoiaría Paco Aradas, de Vigo, explicounos en Alento 6 o Rodio e ademais contounos como o utiliza na súa xoiaría.
Este artigo está tamén dispoñible en liña en issuu, premendo aquí, onde temos á vosa disposición todos os números de Alento.
Que é o rodio?
Como ben é sabido pola gran maioría dos profesionais de Xoiaría, Bixutaría e Ourivaría, o Rodio é un produto moi presente desde hai moitos anos e máis presente aínda na xoiaría moderna. Tal vez o cometido deste interesantísimo elemento químico é menos coñecido entre os clientes, consumidores e incluso por parte do gremio, debido a que non todos se dedican á fabricación ou traballan con este artigo.
Por iso gustaríame facerlles chegar o meu punto de vista máis particular, debido aos meus anos de experiencia profesional e de manexo do mesmo.
Pois ben, e como di o título da introdución: Que é o rodio? Obviamente o Rodio é un elemento químico pertencente á táboa periódica, no lugar 45 para ser máis exactos, Rh. Poden estar tranquilos; non vou aburrir con datos meramente técnicos, numéricos ou doutra índole, que seguramente non interesarían, a non ser para un namorado da química. Iso si, gustaríame puntualizar certos aspectos que farán comprender o por que dos usos comerciais, e non só na xoiaría, senón tamén noutros ámbitos do mercado común.
Do grego Rhodon pola súa cor rosácea, pese a ser un metal de cor branca en orixe, o ton rosado ou rosa é consecuencia derivada das sales do propio metal (sulfato de rodio). Este aspecto é máis apreciable en estado líquido ou diluído, que é a forma máis habitual coa que se traballa con este en xoiaría, como nos baños electrolíticos ou galvánicos.
Este metal denominado, máis concretamente, dos de transición, é un dos máis caros pola súa escaseza, xa que só se atopa en limitadas minas do planeta Terra. A súa extracción é de alto custe para as empresas que se dedican á obtención do mesmo.
Ao redor de 7 a 8 toneladas é a produción anual en todo o mundo, ínfimo se o comparásemos con outros tipos de metais nobres, como poderían ser ouro, platino, paladio, rutenio, etc. ou semi-nobres como o cobre, a prata e o mercurio, moitos destes usados tamén na xoiaría, para aliaxe, manufactura ou, nos baños e chapados, para electrólise.
O feito de ser o rodio un metal nobre, pola súa forte resistencia á corrosión e oxidación fronte a outros elementos externos, baixa reactividade, brillo duradeiro e gran condución eléctrica, permítelle ser perfecto para favorecer a posibilidade da galvanización a outro tipo de materiais, sexan o paladio, platino, prata, cobre, ouro branco ou ouro amarelo, aportándolles dureza e beleza ás pezas de alta xoiaría e incluso aos produtos denominados de bixutaría.
Onde máis se está utilizando este metal precioso, hoxe en día, é en numerosas pezas de prata, para darlle máis consistencia e aguante ante a posible oxidación e a facilidade de perda de brillo debido á tenrura xa coñecida deste propio metal. Tamén se utiliza en case todo o ouro branco por defecto, debido, neste caso, a que se trata dunha aliaxe de varios metais e, dependendo desta, non sempre adquire un ton suficientemente branco e adoita ter un ton máis apagado de brillo e máis nas aliaxes usadas para a micro-fusión. Este acabado co rodio daralle máis brillantez e un lustre impoñente, sobre todo ás pezas fabricadas para brillantería.
Hai que lembrar que toda feitura nestes dous ou máis metais, que estean rodinados, pese a ter unha resistencia maior ao paso do tempo, require tamén duns coidados diferentes e o acabado brillante do rodio desgástase co paso dos anos, sendo necesario repetir o proceso do baño para que recupere o aspecto de nova.
O proceso de rodinado ou baño electrolítico é relativamente sinxelo: para a obtención dun perfecto acabado, o procedemento é o seguinte: en primeiro lugar necesítase que á peza que temos para tratar -sexa nova de fabricación ou deteriorada polo seu uso-, se lle dea un bo lixado fino e unha pulida óptima para que alcance un brillo uniforme; posteriormente terá que pasar por unha limpeza por ultrasóns a unha temperatura non excesivamente alta, a cal a deixará completamente limpa de elementos estraños e xa case desengraxada.
Para isto utilizarase un cable ou arame de cobre que sosterá a peza en cuestión e nos servirá de condutor eléctrico para os seguintes pasos, e a súa vez a posibilidade de manexo sen ter que tocala e darse o caso de contaminala unha vez limpa.
É importante dicir que todo o desenrolo se faga coa máxima limpeza e pulcritude e cunha renovación asidua, tanto do liquido da ultrasóns, como dos restos de enxaugaduras e desengraxes, iso facilitará que saian uns rodinados sempre impolutos e sen manchas, e minimizaremos o risco de contaminación no depósito onde se atopa o rodio
Unha vez retirada a xoia da ultrasóns, deixarase uns segundos baixo o grifo de auga corrente. Quedando ben aclarada, pódese secar ou ben somerxela en auga des-ionizada ou destilada; iso fará que o posible cal ou cloro que contén a agua de consumo normal non afecte ao resultado final. Dáselle un último desengraxe pero esta vez usando a máquina de electrólise, mediante a inmersión nunha cubeta, con sales expresamente para esta función, disolvidas en auga destilada tibia, e cun tempo prefixado de 1 a 2 minutos. A peza será sometida a unha voltaxe (variable) que é producida polo contacto co liquido e uns ánodos de aceiro tamén somerxidos no desengraxe, coa que quedará a superficie completamente purificada e apta para a galvanización.
Ao terminar este tempo, retírase e aclárase repetidamente en dúas cubetas de auga des-ionizada.
Por último, mentres deixamos a feitura sobre papel absorbente, prepárase o rodio para inmersión: débese quentar para que teña unha eficacia maior, iso si, a temperatura ideal varía moito segundo a clase de rodio que sexa e segundo o fabricante. Sempre se terán en conta os baremos que nos marquen as características de cada cal na ficha técnica.
Unha vez a peza seca, manténdose polo cable de cobre, vólvese a somerxer, pero no rodio previamente quentado. Aportarémoslle unha voltaxe entre 1,5 a 2,50 voltios cuxos ánodos esta vez serán dun recubrimento de titanio, que farán que comence a hidroxenación en contacto co rodio e se adira este metal á peza inmersa. O tempo de galvanización pode ser diferente segundo o artigo que se queira rodinar, entre 1 e 2 minutos son o correcto. Ao acabar este tempo, apágase a máquina, retírase a peza con coidado e aclárase en auga quente, e só quedará secala con esmero e xa estará lista para lucir.
Francisco César Blanco Núñez
colexiado nº N0368
Joyería Relojería Paco Aradas
Martín Echegaray, 16
36209 Vigo (Pontevedra)
986 296 436