03/11/2014
No primeiro número de Alento (decembro 2012), publicamos esta información sobre as normas que definen e cualifican, a nivel internacional, a impermeabilidade e somerxibilidade dos reloxos de pulseira. Daquela tivo moito éxito e como segue totalmente en vigor, compartimos aquí o artigo, que coma todos os que se publicaron na nosa revista, está dispoñible en liña, en issuu.
ISO 2281 e ISO 6425 para reloxos
ISO: International Standards Organisation
A resistencia á agua é unha marca común nos reloxos: temos a norma ISO 2281, para os reloxos estándares, e a ISO 6425, para os reloxos de submarinismo.
Nos reloxos, o valor que acompaña a marca determina a presión de proba estática (indicada en bares, atmosferas ou en metros de profundidade de auga).
Tomando un exemplo, a indicación de 30 m nun reloxo de pulseira non indica que pode somerxerse a 30 m, senón que pode chegar a soportar unha presión de 30 m de auga (cualificación obtida en laboratorio baixo a norma ISO 2281).
Entón, debemos ter coidado de non confundir esta unidade de presión que non é de profundidade.
As probas ás que se someten os reloxos en fábrica son probas de presión estática. Isto significa que non se teñen en conta as condicións que si se presentan na vida real, como por exemplo uns cambios bruscos de presión por movementos na auga, unhas temperaturas extremas que cambian de repente ou as condicións climáticas.
A resistencia á auga, segundo estas normas, orixina unha clasificación por niveis ou graos, que se poden desagregar como se ve no gráfico. Nos reloxos de mergulladores “buzo” ou “buceo” pode aparecer o seu equivalente anglosaxón: “diver”.
Algúns reloxos para mergulladores profesionais dispoñen tamén dun dispositivo denominado válvula de helio. A función desta redúcese a aliviar a presión do gas helio que poida penetrar no interior do mecanismo en circunstancias duras de “buceo”. O helio é o gas utilizado en submarinismo como parte do aire en botella respirable e permite acurtar o período de descompresión e minimizar o perigo de intoxicación producida polo nitróxeno.
Compartimos aquí uns consellos para o mellor mantemento de reloxos somerxibles:
- Ante calquera dúbida sobre a somerxibilidade dun reloxo, consulte cun reloxeiro profesional colexiado.
- Cambiar o set de hermetismo cada 2 ou 3 anos, cando se sospeite que están deterioradas, ou en cada apertura.
- Facer unha proba de hermetismo cada ano ou despois de cada apertura de reloxo.
- Evitar os cambios bruscos de temperatura.
- Lavar o reloxo con auga doce despois dun baño no mar.
- Nunca accionar botóns baixo a auga.
- Procurar non usar o reloxo na ducha para evitar contacto con deterxentes ou cambios bruscos de temperatura.
- Ter máis coidado coa entrada de auga de mar ou da piscina, pola salinidade e o cloro que aceleran a corrosión das partes metálicas internas do reloxo.
- Tomar a precaución de comprobar a(s) coroa(s) do reloxo antes da inmersión.
Agradecemos aos reloxeiros colexiados Luis Míguez (Ordes) e José Antonio García (A Coruña) pola súa inestimable axuda na redacción deste artigo.