Imaxe da nova.

Joyería - Relojería Núñez cumpre 120 anos

 

Entrevista a José Rodríguez Novo, xerente de Joyería – Relojería Núñez (Rábade – Lugo)


Joyería – Relojería Núñez (Rábade – Lugo) cumpre 120 anos en 2017. Fundada en 1897 como reloxaría, incorporou a xoiaría a finais dos anos 50 do século pasado. Nesta entrevista falamos co actual xerente de Joyería Núñez, o profesional colexiado José Rodríguez Novo, quen nos conta cales son as claves para manterse no negocio durante 120 anos.

 

José, fálanos dos orixes de Joyería – Relojería Núñez e do momento da túa incorporación.

No ano 1897, non sei o mes exacto, D. Ignacio Núñez Candal, avó de D. José Nuñez Prado, coñecido como Pin, fundou Relojería Núñez. Logo continuou o seu fillo, D. José Núñez Obarrio co nome de “Relojería La Suíza” e, máis tarde, os seus netos D. Valentín (“Relojería V. Núñez”) e D. José Núñez Prado (“Relojería Núñez”).

En torno ao ano 1965, D. José Núñez Prado, Pin, acolleume como aprendiz no seu taller, cando era un raparigo de apenas 7 anos. E continuei aquí, formándome e traballando ata o día de hoxe, sendo actualmente o sucesor de Pin

 

 

Como foron os comezos de Relojería Núñez e como evolucionou nestes anos? Como xurdiu a idea de adicarse á xoiaría?

Ao principio só se dedicaban á reloxaría (venda e arranxos). A idea de engadir xoiaría xurdiu a finais dos anos 50 do século pasado da man de Don José Núñez Prado, Pin, xa que a incorporación de xoias era algo que tanto o sector coma o público esixían. Ao principio só tiñan tres ou catro pezas de xoiaría (algunha cadea, algún pendente e algún anel), pero pouco a pouco foise aumentando ata chegar ao que é hoxe Joyería – Relojería Núñez.

 

Que elementos cambiaron en Joyería Núñez e cales considerades que se manteñen dende os seus inicios?

Aínda que a tenda non cambiou de lugar, si que cambiou fisicamente, xa que a comezos dos anos 80 construíuse unha edificación nova, cunha tenda máis grande, moderna e renovada que a orixinal, a cal perdurara ata ese momento.

Con todo, a filosofía de traballo, a profesionalidade e o trato directo cos nosos clientes seguen sendo os piares fundamentais no noso negocio a día de hoxe. Isto non cambiou en todos estes anos. Desde os nosos comezos quixemos proporcionar un asesoramento personalizado a todos os nosos clientes, aconsellándoos e axudándoos a elixir a peza que máis se axusta aos seus gustos e necesidades, sempre coa garantía dun profesional, tanto en reloxaría coma en xoiaría.

 

Cales foron os cambios máis importantes no sector da xoiaría ó longo destes anos?

Realmente non cremos que houbese ningún cambio fundamental neste sector. A día de hoxe segue sendo un oficio de moita tradición familiar, no que case non hai xente nova. Isto nótase sobre todo na reloxaría, xa que cada día quedan menos reloxeiros coma os de antes, e os que quedan teñen idades moi avanzadas.

En xeral, o sector da xoiaría segue a ser un sector “moi pechado”, isto é, segue a haber moitísimo secretismo e moi pouca colaboración entre os profesionais que nos adicamos a este oficio.

Por outra banda, a crise económica que estamos a atravesar cambiou, indubidablemente, a visión que ten a xente sobre a xoiaría. Os gustos cambiaron, a xente tira máis cara a bixutaría e xa non se percibe unha xoia como unha inversión. Cando antes se agasallaba un bo reloxo ou unha peza de xoiaría para conmemorar algunha data especial, hoxe prefírese agasallar viaxes, experiencias ou mesmo aparellos tecnolóxicos, cousas efémeras que, evidentemente, foron degradando o noso sector. É preciso revitalizalo dalgún xeito e concienciar á xente de que unha xoia é máis que un complemento, ten valor sempre.

Definitivamente, consideramos que este sector ten que dar un xiro, avanzar e adaptarse aos tempos que corren, e as novas tecnoloxías son unha ferramenta moi útil que poden facer isto posible. O ano pasado, e a raíz do concurso de escaparates de San Valentín organizado polo COXGA, comezamos a empregar as redes sociais Facebook e Instagram para darnos a coñecer mellor, sobre todo entre a mocidade, que tende a marchar cara as grandes superficies en detrimento do pequeno comercio; e funciona, abofé.

                                                              Nesta foto, José Rodríguez disfrutando coa súa familia do premio do Concurso de Escaparates de San Valentín 2016.

 

 

 

                       

          

 

 

Claves do éxito

As claves para ter éxito neste negocio é a formalidade, a profesionalidade e a honestidade, así como a confianza dos nosos clientes. Nós sempre pretendemos, xa desde os tempos de D. Ignacio Núñez, que os nosos clientes marchen contentos do noso establecemento, tendo a convicción de que acababan de realizar unha boa compra; "queremos que un cliente nos traia outro, non que no lo quite”.

 

Como celebraredes o aniversario?

Durante todo este ano, imos agasallar aos nosos clientes cun xarro e un vaso conmemorativo do noso 120 aniversario.

Cales son os vosos proxectos a medio e curto prazo?

Non temos en mente ningún proxecto importante, continuaremos na mesma liña, máis ou menos como ata o de agora, cos cambios que os novos tempos esixen.

Si que contamos coa próxima incorporación profesional de D. José Rodríguez Morillas, o meu fillo, que arestora está a realizar o Ciclo Superior de Xoiaría Artística na EASD Mestre Mateo (Santiago de Compostela) coa finalidade de continuar con este negocio centenario durante, polo menos, outros 120 anos, coa mesma formalidade, profesionalidade e a honestidade que nos caracterizaron durante todos estes anos.

Moitas grazas pola entrevista, José. Estamos completamente seguros de que coa vosa profesionalidade, ilusión, esforzo e trato cercano cos clientes, seguiremos contando cos servizo de Joyería Núñez moitos anos mais.

Agardamos que ó longo deste ano no que celebrades o voso 120 aniversario nos sigades ampliando información sobre a vosa interesante, longa e extensa traxectoria profesional.

 

 

← volver

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Amores auténticos, xoias inesquecibles

Calendario de eventos:

  • Curso Online de Gemología básica
  • FOGA
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Laverde Ruiz, Nº 6, Entresuelo, Santiago de Compostela, 15702, A Coruña    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com