Conclusións da Xornada Técnica de Xoiaría: A regulación de obxectos fabricados con metais preciosos

A cidade de Santiago de Compostela acolleu o pasado venres 3 de xuño a celebración da Xornada Técnica de Xoiaría: “A regulación de obxectos fabricados con metais preciosos”, organizada pola Federación Galega de Xoieiros, coa colaboración da Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Confederación de Xoiaría de España.

Medio centenar de empresas de diferentes puntos da xeografía española (fabricantes, comerciantes por xunto, retallistas e Laboratorios de Contraste) déronse cita para seguir profundando no proceso de reflexión aberto no II Congreso Nacional de Xoiaría celebrado en Córdoba o pasado ano, sobre a normativa que regula os obxectos fabricados con metais preciosos.

Trala inauguración da Xornada e a benvida aos asistentes do presidente da Federación Galega de Xoieiros, Óscar Rodríguez, arrancou o primeiro bloque da Xornada coas intervención de Federico Martínez, Director Comercial da Cámara Laboratorios Metroloxía de Madrid (CLM) e Luis Ortiz, Director do Laboratorio de Contrastación de Metais Preciosos de Galicia, que foron os encargados de facer un repaso ao panorama lexislativo español e europeo (ausencia na UE dunha normativa harmonizada), sobre as esixencias para a comercialización dos obxectos fabricados con metais preciosos.

Na segunda parte da Xornada, Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego de Consumo, recordou a importancia do contraste dos obxectos de metais preciosos como garantía do dereito dos consumidores a ter información dos produtos que chegan ás súas mans e José Carlos García Cumplido, avogado e secretario da Federación, foi o encargado de poñer sobre a mesa unha serie de preguntas e reflexións, que centraron o obxecto da Xornada e ás que se pretendeu dar resposta na mesa de debate que tivo lugar a continuación, na que estiveron representados fabricantes, maioristas, minoristas e Laboratorios de contraste e na que se recolleron as opinións das Asociacións e Gremios do sector de Valencia, Asturias, Madrid, Córdoba e Galicia.

Ao remate desta, o presidente da Federación Galega de Xoieiros fixo públicas as conclusións da Xornada, as cales constituirán a base para promover, ante o Ministerio de Industria, en colaboración coa Confederación da Xoiaría de España, a necesaria adecuación desta normativa ás novas técnicas e necesidades do mercado e que servirán, en definitiva, para garantir a necesaria información ao comprador, en especial ao consumidor, máis alá do contraste, para que en todo momento saiba o que compra e con iso o que pode agardar e debe de pagar polo obxecto fabricado con metais preciosos, quen llo garante e ante quen pode esixir dita garantía e a responsabilidade por non conformidade do produto.

A Xornada foi clausurada polo Director Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, quen destacou o compromiso e total disposición da Xunta de Galicia coa Federación Galega de Xoieiros e como interlocutora en materia normativa co Goberno Central.

                                                                           

CONCLUSIÓNS da Xornada Técnica de Xoiaría celebrada en Galicia o pasado venres 3 de xuño de 2022, baixo o título “A regulación de obxectos fabricados con metais preciosos”.

A xornada de traballo celebrada en Santiago de Compostela, que dou continuidade aos traballos iniciados no II Congreso da Xoiaría Española celebrado en Córdoba o pasado ano 2021, contou cunha magnífica representación, non só das organizacións do sector xoieiro español máis activas senón tamén da Administración, consumidores, Laboratorios, centros de formación, fabricantes, comerciantes por xunto e retallistas do sector xoieiro, quen puxeron de manifesto as diversas sensibilidades existentes sobre esta cuestión.

Como resumen desta Xornada, concluíuse que resulta necesario promover unha reforma da normativa que regula esta materia no sentido de:

1.- Dotar ao noso mercado de transparencia, garantindo non só a pureza do metal (lei) destes obxectos senón tamén a súa orixe e a súa trazabilidade.

2.- Dar seguridade xurídica aos consumidores e aos operadores do sector para que aqueles saiban o que mercan e estes o que poden ou non facer. Precisando os diversos conceptos que ofrecen a dúbidaon ou poden ser fonte de conflito (art. 9 e 11 da Lei, e art. 8, 9, 45, 46, 47, 54, 55, 67 e 68 do Regulamento)

3.- Autorizar novos métodos para analizar e determinar a composición dos obxectos fabricados con metais preciosos (art. 28, 29 e 30 do Regulamento) e para colocar as marcas de contraste (gravado por láser ou outras).

4.- Diferenciar claramente o proceso de importación e de identificación dos produtos importados xa terminados, fronte, non só aos fabricados en España, senón tamén fronte á importación de materias primas ou produtos semielaborados, incrementando a transparencia e trazabilidade no comercio destes produtos.

5.-Diferenciar claramente (mediante contraste, etiquetado e a nomenclatura) cando estamos ante un obxecto fabricado totalmente con metal precioso (contido homoxéneo), de aquel que o está só en parte. Dun produto que é totalmente de metal precioso doutro que non o é. Non se trata de limitar a iniciativa do deseñador ou do empresario fabricante, este de poder elixir a forma técnica a utilizar, os materiais a empregar, etc, pois asume o risco e ventura no mercado pola súa decisión. Trátase de empregar denominación claras e que non induzan a error, a confusión ou a engano (art. 58 e 59 do Regulamento)

6.- Clarificar a terminoloxía, a denominación, a forma de presentación ao público que debe utilizarse na comercialización de obxectos que estando elaborados con metais preciosos en parte conteñan metais non preciosos ou outros materiais recubertos por metal precioso, xa sexa por bañado, chapado, dourado, damasquinado, en particular o que refire ao resultado de técnicas de elaboración como o electroformado, con ou sen vaciado ou galvanizado (11.3 da Lei e art. 45.2, 58 do Regulamento).

7.- Prohibir expresión xenéricas como prata ou ouro de lei por xerar confusión e engano, pois non existe unha lei senón varias leis adecuando o actual Regulamento aos cambios operados na Lei.

8.- Crear un Rexistro Público accesible telemáticamente para calquera cidadán , onde deban de inscribirse as empresas que fabriquen ou importen obxectos fabricados con metal precioso, en definitiva, que comercialicen estos obxectos en España, no que se incluirían de forma obrigatoria:

- os fabricantes, importadores españois e as súas marcas de contraste

- os fabricantes e importadores de outros Estados da UE que acreditaran ante a autoridade dalgunha das Comunidades Autónomas de España ter rexistrado o contraste de orixe no seu Estado de procedencia e as súas marcas de contraste.

- os Laboratorios autorizados en España e as súas marcas de contraste

- os Laboratorios ou organismos independentes doutros países da UE recoñecidos ante a autoridade dunha Comunidade Autónoma de España e as súas marcas de contraste

- en especial, unha sección para dar publicidade aos acordos ou canxes de notas subscritos con terceiros Estados en relación con esta materia de obxectos fabricados con metais preciosos. Os fabricante de terceiros Estados que soliciten en España contraste de fabricante ou importador. Este rexistro disporá dunha sección para incluír Tratados, Convenios e Notas relativas a esta materia que subscriba España.

9.- Incrementar as obrigas de transparencia e trazabilidade das empresas importadoras de obxectos fabricados con metais preciosos, establecendo a información mínima e nas facturas (nome, domicilio social, CIF, e no seu caso, representante en España)

10.- Incrementar as obrigas de transparencia e trazabilidade das empresas que se adican á compravenda de obxectos fabricados con metais preciosos usados para a súa posterior comercialización. Debendo de coñecerse a orixe e trazabilidade destes obxectos (contraste de orixe e garantía).

11.- Clarificar as obrigas e responsabilidades dos fabricantes e importadores fronte ao consumidor e aos Laboratorios de Contraste, así como a de estes últimos fronte aos consumidores e aos fabricantes e comercializadores de produtos sometidos ao seu contraste.

12.- Promover que o Goberno impulse a aprobación da normativa comunitaria reguladora dos metais preciosos.

13.- Regular o contido mínimo das etiquetas substitutivas do contraste.

14.- Garantir, en definitiva, a necesaria información ao consumidor máis alá do contraste, para que en todo momento saiba o que compra e con iso o que pode agardar e debe pagar polo obxecto fabricado con metais preciosos, que llo garante e ante quen pode esixir dita garantía e a responsabilidade por non conformidade co produto.

 

 

← volver
Concurso diseña una joya para tu madre

Calendario de eventos:

« Agosto 2022 »
L M Me X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031
  • Curso Online de Gemología básica
  • FOGA
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Ramón Cabanillas, 5-7, 2º B - 15701 Santiago de Compostela    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com