dsdsadsadsadsada


Axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxetica nas empresas galegas

Convocatoria de axudas do INEGA para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas.

Prazo de presentación de solicitudes: 17/01/2025 a 15/09/2025

Preme aquí para ver a resolución completa publicada no DOG.


A continuación, facemos un breve RESUMO:

Conceptos subvencionables:

Serán subvencionables aqueles proxectos con rateos de aforro enerxético anual iguais ou superiores aos indicados na seguinte táboa para cada liña:

 

Denominación da liña

Proxectos subvencionables

PAPEME - Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes

0,2 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible

PAGE - Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en grandes empresas

0,3 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible

PAE - Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en polo menos un 30%

0,1 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible e que ademais reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI

PAP - Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en infraestruturas públicas

0,2 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía final e de enerxía primaria por euro de inversión elixible

 

Para o paso de enerxía final a enerxía primaria utilizaranse os factores de paso establecidos no modelo de memoria técnica.


Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética (no caso de actuacións integrais de edificios substituirase a auditoría enerxética polo certificado de eficiencia enerxética cando este sexa de aplicación ao edificio), cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.
 

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 15.000 euros.

As actuacións non poden estar iniciadas nin contratadas con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda.

Cada solicitude conterá un único proxecto técnico que pode constar dunha soa actuación ou varias actuacións homoxéneas a executar no mesmo emprazamento. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes.

 

Beneficiarios:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Aos efectos destas bases terase en conta a definición de empresa recollida no Anexo I do Regulamento 651/2014 segundo a cal considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.

Período de actuacións subvencionables:

Considéranse actuacións subvencionables as iniciadas con posterioridade á presentación da solicitude de axuda e terminadas antes da data limite para executar e xustificar o investimento que será o 15 de setembro de 2026.

As actuacións non poden estar iniciadas con anterioridade a data de presentación da solicitude de axuda.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014,  ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

 

Contía máxima da axuda:

A intensidade da axuda en función da normativa de aplicación será a seguinte:

a) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) 2023/2831 de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura): A contía da subvención será do 35% do custe subvencionable da actuación para grandes empresas, do 45% para medianas e do 55% para pequenas.

b) Solicitudes destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios: A contía da subvención será do 20% do custe subvencionable da actuación para grandes empresas, do 30% para medianas e do 40% para pequenas.

c) Solicitudes destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios. A contía da subvención será do 35% do custe subvencionable da actuación para grandes empresas, do 45% para medianas e do 55% para pequenas.

A axuda máxima por expediente ascende a 1.000.000 € salvo no caso de mínimis que está limitada a 300.000 €. A axuda máxima por empresa beneficiaria será de 2.000.000 €.

 

Presentación de solicitudes:

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a Sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria.

Para poder facer a presentación electrónica o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.

Prazo para a presentación da solicitude:

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 17 de xaneiro ás 9h e remata o 15 de setembro de 2025, ás 23h59.

 

Máis información:

Para máis información, preme aquí.

Tamén podes contactar co Inega a través dos teléfonos: 881 049 210 / 981 541 514 / 981 541 523

 

← volver
  • Curso Online de Gemología básica
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Laverde Ruiz, Nº 6, Entresuelo, Santiago de Compostela, 15702, A Coruña    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com