dsdsadsadsadsada


A Federación Galega de Xoiaría traslada á Xunta medidas para reforzar a competitividade do sector

Óscar Rodríguez, presidente da Federación Galega de Xoiaría, acompañado por Fernando García Bourrellier, membro da Xunta Directiva da Federación, e José Carlos García Cumplido, secretario da entidade, mantiveron o pasado 22 de xuño un encontro co presidente da Xunta de Galicia para abordar as principais necesidades do sector e formular diferentes iniciativas destinadas a reforzar a competitividade e potenciar a imaxe da xoiaría galega como un referente de calidade, deseño e excelencia.

Un dos asuntos prioritarios tratados durante a reunión foi a necesidade de incorporar a xoiaría galega ás campañas de promoción turística e institucional de Galicia. A Federación puxo en valor o bo facer, a creatividade e a calidade dunha industria que constitúe un claro expoñente da excelencia dos produtos galegos. Neste sentido, solicitouse que o sector forme parte da imaxe que Galicia proxecta nas súas accións de promoción. O presidente da Xunta mostrou unha boa disposición cara a esta proposta e manifestou a súa intención de que o sector estea presente nas futuras accións de promoción institucional.         

Durante o encontro tamén se informou ao presidente de que Óscar Rodríguez asumiu o pasado ano a presidencia da Confederación da Xoiaría de España. Neste contexto, expúxose o traballo que a Confederación está a desenvolver para impulsar a modernización do sector mediante unha proposta de reforma do Regulamento de Metais Preciosos, un texto consensuado polas organizacións das comunidades autónomas que integran a Confederación e que xa foi presentado ao Ministerio de Industria.

Neste sentido, a Federación solicitou o apoio da Xunta para avanzar nesta modificación normativa, considerada un primeiro paso cara á futura reforma da Lei 17/1985, do 1 de xullo, que regula a fabricación de obxectos con metais preciosos e que, corenta anos despois da súa aprobación, quedou desfasada con respecto á realidade e ás necesidades actuais do mercado.

Outro dos temas que centrou a reunión foi a remuda xeracional no comercio de xoiaría. A Federación trasladou a súa preocupación pola dificultade para garantir a continuidade de numerosos establecementos, unha situación agravada polas consecuencias da crise económica de 2008, da pandemia e, máis recentemente, polo forte incremento do prezo das materias primas, factores que provocaron o peche de numerosos comercios.

O presidente da Xunta recoñeceu que se trata dun problema que afecta ao conxunto do comercio e sinalou a necesidade de impulsar, de maneira conxunta, mecanismos que faciliten a continuidade dos negocios, aproveitando novas fórmulas de comercialización, promoción e economías de escala. Reiterou, ademais, que un dos obxectivos da Xunta é contribuír ao mantemento do comercio no rural galego.

A formación tamén ocupou un lugar destacado na reunión. Neste ámbito fíxose referencia ao recente Grao en Deseño de Produto, con itinerario en Xoiaría e Complementos, que se imparte en modalidade de Formación Dual. Así mesmo, púxose de manifesto a dificultade que atopan moitos estudantes para realizar as prácticas formativas fóra do seu lugar de residencia debido, tanto aos problemas de acceso á vivenda como á localización xeográfica dos obradoiros nos que deben desenvolvelas.

Por último, ambas as partes coincidiron en que a promoción do sector debe adaptarse ás novas formas de comunicación. Máis alá da presenza física en feiras, defendeuse a necesidade de reforzar a presenza dixital mediante a creación de contidos comúns que contribúan a poñer en valor a xoiaría fabricada en Galicia e a mellorar o seu posicionamento nas redes sociais e nas canles dixitais.

A Federación Galega de Xoiaría valora moi positivamente o encontro e a receptividade amosada polo presidente da Xunta ante as demandas do sector.

 

                                           

← volver
  • Curso Online de Gemología básica
  • Gravograph
  • Mapfre
  • Oferta especial colexiados



Páxinas amigas ou de interese:

www.coxga.es  /  Telf: 981 598 858  /  Rúa Laverde Ruiz, Nº 6, Entresuelo, Santiago de Compostela, 15702, A Coruña    Aviso legal
deseñado por: versiongalega.com